Psoe Arteixo reclama a incorporación, nos orzamentos de 2022, dunha partida para a construción deste equipamento e outra para a execución dunha senda peonil en Morás
Veciñas e viciños de Morás carecen actualmente dun local onde reunirse, realizar actividades de lecer ou programar eventos culturais. Esta é unha das principais demandas que a Asociación de Veciños Rego puxo sobre a mesa durante a reunión que mantivo co grupo municipal socialista. A entidade está a desenvolver un interesante proxecto de carácter participativo para a dinamización da parroquia, pero non dispón do equipamento público sociocultural que xa existe noutros lugares de Arteixo.
O portavoz da corporación municipal, Simón López, defende que “temos o deber, como políticos, de axilizar a construción dun centro social que é máis necesario ca nunca”. Considera, ademais, que “o Concello ten unha débeda histórica coa xente de Morás”. Por este motivo, vai solicitar, no próximo pleno, que o goberno municipal inicie os trámites para a dotación deste equipamento incorporando unha partida específica nos orzamentos de 2022.
Na mesma moción, proponse a creación dunha senda peonil á beira da estrada que comunica Conzobre co Igrexario pasando por Morás do Medio. Simón López afirma que “este investimento facilitaría unha mobilidade sustentable entre os distintos núcleos de poboación da zona. Tamén, suporía un aliciente para que a veciñanza practique deporte ou simplemente poida saír a pasear”.