Aviso importante: chegou unha nova alerta por temporal. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afectará desde hoxe á tarde ao noroeste e ao oeste do litoral da provincia da Coruña e a partir da medianoite tamén se estenderá ao suroeste da costa coruñesa e á Mariña de Lugo. Agárdanse ventos do sur ou do noroeste de forza 7 e mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 7 metros segundo a zona.
Ademais, no litoral de Pontevedra a alerta será de nivel
amarelo tamén desde hoxe á tarde por mar combinada do noroeste con ondas de 4 a
5 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da
liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual
golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, é preciso evitar
aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que
poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e
fiestras.
Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e
marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como
extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar
e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CAE 112
(www.112galicia.org ), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de
interese.
Alerta amarela por neve
Hoxe ao final da mañá tamén se activará a alerta amarela por neve en zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense que se prolongará ata a tarde de mañá. Nestas zonas, agárdase acumulación de máis de 5 centímetros de neve en cotas en torno aos 1.100 metros. Sen dúbida unha importante nova alerta por temporal.