Neste proxecto de innovación educativa participan profesores de seis países en colaboración coa Xunta.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, abriu a reunión transnacional sobre novas metodoloxías de aprendizaxe que ata o xoves reúne no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) a profesionais docentes de universidades e organismos educativos de Austria, Bélxica, República Checa, Portugal e Turquía que, xunto con Galicia, son socios do proxecto Erasmus+ Deseño de futuros espazos de aprendizaxe innovadores.
Esta iniciativa financiada pola Unión Europea, na que participan sete institucións de seis países entre as que se atopa o CAFI, ten como obxectivo formar aos educadores en aspectos fundamentais relativos á transformación dos espazos de ensino e aprendizaxe e os cambios pedagóxicos e metodolóxicos asociados á devandita transformación.
O primeiro resultado do traballo conxunto dos socios do proxecto é o documento "Marco metodolóxico" para formación en aulas innovadoras, no que se analiza como crear e adaptar espazos de aprendizaxe con obxectivo de desenvolver metodoloxías didácticas reforzadas pola tecnoloxía, unha cuestión que en Galicia figura como prioritaria no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica posto en marcha o ano pasado co fin de adaptar as infraestruturas educativas ás novas esixencias de transformación dixital, entre outras.