O grupo municipal do BNG de Arteixo solicita a adaptación das zonas de xogo infantís para facelas accesíbeis a nenas e nenos con diversidade funcional. "É algo intolerábel que nun concello cunha taxa de natalidade tan alta non haxa zonas de xogo totalmente adaptadas e tamén o é que aínda haxa barreiras arquitectónicas en moitos dos parques infantís que hai no concello” indicaron desde o grupo municipal do BNG.
Faciltar a accesibilidade universal nos parques non só axuda a que nenas e nenos con diversidades funcionais poidan xogar nos espazos públicos, tamén contribuiría a que o resto das nenas e nenos poidan interacturar rachando deste xeito non só barreiras arquitectónicas senón tamén as sociais. "É así como se constrúen tamén sociedades democráticas e igualitarias” sinalan, recalcando ademais que "è un dereito que reconstruamos as nosas vilas e que as fagamos máis amábeis, habitábeis e xustas”
Dende o BNG sinalan que "hoxe en día nos parques de Arteixo podemos observar como hai barreiras, bordes con cantos, hai parques en que non hai un só xogo que poida usar unha nena ou neno con cadeiras de rodas, ou con problemas auditivos e visuais . Máis aló de actuacións puntuais non hai planificación global nin intención inmediata de modificar nada”.
Engaden ademais que "non só se trata de cumprir a lexislación vixente senón que tamén serviría para concienciar á poboación en xeral". Pois din, "o conxunto da poboación debería participar destas mundanzas e percibir o importante que é a inclusión de persoas con diversidade e polo tanto formar parte todos dunha transformación real da nosa vila”.