O Galiciaskills é o campionato galego da formación profesional. Celébrase cada dous anos e consiste no desenvolvemento dunha serie de competicións relacionadas coas distintas especialidades da formación profesional. O alumnado participante deberá demostrar a súa competencia profesional e medir as súas destrezas con alumnado de distintos centros de Galicia na realización das correspondentes probas.
No Galiciaskills 2018, Arteixo estará representado nesta competición polo CPR Agarimo. A provincia de Coruña contará coa representación de 66 alumos e alumnas de 23 centros educativos. O V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018 está organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta quinta edición terá lugar vindeiro mes de novembro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda).
A competición busca darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, e que en anos anteriores ten colleitado amplos éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills. Ademais, pretende motivar o alumnado para a mellora da calidade da FP. Tamén serve de recoñecemento á labor do profesorado e para potenciar as relacións dos centros en que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes.
O campionato, de carácter eminentemente práctico, consistirá no desenvolvemento de 25 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. En concreto as especialidades convocadas son as de Pintura do automóbil, Tecnoloxía do automóbil, Ebanistaría, Carpintaría, Mecatrónica, Enxeñaría de deseño mecánico-CAD, Mecanizado, Electrónica, Administración de sistemas en rede, Solucións de software para empresas, Control industrial, Instalacións eléctricas, Soldadura, Panadaría, Servizo de restaurante e bar, Cociña, Fontanería e calefacción, Refrixeración e aire acondicionado, Peiteado, Floraría, Coidados auxiliares de enfermaría, Tecnoloxía da moda, Pintura e decoración, Xardinaría paisaxística e Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.
Haberá dous premios por competición. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2019, que se celebrará en Madrid. Este alumnado, xunto cos xefes e as xefas de equipo, conformarán o equipo galego que representará a Galicia en SpainSkills 2019. As medallas de ouro deste campionato participarán posteriormente no campionato internacional Worldskills e no europeo Euroskills.