Obras de mellora na escola infantil de Coristanco

Visita á escola infantil de Coristanco para supervisar as obras-El Portal de la Infancia
photo_camera Visita á escola infantil de Coristanco para supervisar as obras-El Portal de la Infancia

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o centro de Coristanco acompañado do alcalde, Juan Carlos García.

A Xunta de Galicia asume o financiamento dun paquete de obras de mellora por un montante de 30.200 euros que se acaban de iniciar na escola infantil de Coristanco, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio coruñés, Juan Carlos García, visitou hoxe o centro para dar conta dos traballos proxectados.

Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo desta intervención “é que as familias gocen dunhas mellores instalacións para os máis pequenos”. Con este obxectivo e aproveitando os meses de verán nos que non hai activade na escola, acometeranse melloras na cuberta, nas fachadas e nas carpintarías exteriores do edificio para aumentar a súa impermeabilización e así evitar filtracións e humidades. Tamén se instalará unha pérgola na entrada posterior para protexer aos pequenos e aos seus familiares cando acceden ao centro nos días de chuvia; e faranse labores de acondicionamento interior e pintado de salas.

Estas obras, que se encarga de realizar o Concello, forman parte do programa de actuacións que de maneira periódica se levan a cabo nas escolas que dependen do Consorcio co fin de garantir o correcto mantemento e bo estado das instalacións. Como é habitual, previamente á súa execución puxéronse en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e do Concello de Coristanco. Ademais, o ente autonómico financia o custe dos traballos, por medio das liquidacións que lle corresponde abonar á administración local por este servizo público.

Gratuidade

Un total de 27 nenos de 0 a 3 anos comezarán as clases o vindeiro mes de setembro na escola infantil de Coristanco, sen que as súas familias teñan que pagar nada pola súa atención educativa. De feito, no curso 2022-2023 todas as escolas infantís de Galicia, con independencia da súa titularidade, serán gratuítas para o 100% do alumnado.