
O primeiro grupo é Nova Escena Teatro, con A Herdanza da Tía Constanza (todos os públicos), o sábado 12 de xaneiro ás 20h. A Señora Constanza, unha rica propietaria acaba xusto de morrer. Os seus herdeiros reúnense, a instancias do notario, no pazo que sempre habitara. Por medios pouco convencionais, a finada manifesta unha estraña última vontade: será herdeiro único aquel que sexa quen de pasar a noite seguinte no pazo... Quen será merecente das súas riquezas...?
O sábado 19, ás 20:30, é o turno de Gargallada teatro e a súa Quimera (todos os públicos), unha viaxe onírica que nos achega a un mundo de ilusión, un tránsito entre o real e o imaxinario que anima á personaxe a acadar eses soños ocultos que sempre tivo por inalcanzables.
Pecha o ciclo a Asociación Teatral Paso de Valverde co seu último espectáculo: Sánatos (espectáculo para maiores de 12 anos), onde o pasado volta para mostrarnos como de felices fomos e como de enganados estabamos. Unha historia sobre a transformación do amor en obriga maldita. A representación é o sábado 26 ás 20:30.
A entrada a calquera dos espectáculos do ciclo é gratuíta e debe facerse mediante invitación. As invitacións pódense recoller no centro cívico de Arteixo na mesma semana de cada función en horario de 9 a 14h (de luns a venres) ou no mesmo día do espectáculo unha hora antes do inicio da función.