O salón de actos do centro sociocultural de Paiosaco acollerá este sábado a partir das 18:30 horas a proxección do documental "Un raio chamado Catuxa" elaborado polo historiador Xabier Maceiras e o produtor Fran Naveira.
Neste documental recuperan a historia do club de fútbol da aldea arteixana de A Catuxa, que estivo federado entre 1965 e 1970 e que garda relación co Concello da Laracha porque competiu na liga Arteixo-A Laracha nos inicios do fútbol federado dos clubs de ambos municipios.
Outro dos propósitos é poñer en valor o fútbol e os futbolistas daquela época. O documental recolle entrevistas a xogadores do Catuxa nas que recordan partidos e campos antigos, pero tamén vivencias persoais e anécdotas. A entrada para o público que desexe asistir á proxección de "Un raio chamado Catuxa" en Paiosaco será libre e gratuíta.