Solicitará ao Concello de Arteixo que limpe as zonas de lecer deste parque
O grupo municipal nacionalistas de Arteixo advirte de que o parque de Freón, na parroquia de Monteagudo, está desatendido. "No parque pódese observar falta de limpeza, polo que o Bng solicitará ao Concello de Arteixo que limpe as zonas de lecer deste espazo usado por crianzas e persoas maiores". Ademais, como mellora no mesmo lugar pide "o arranxo do lavadoiro de Freón, inutilizado e abandonado como outros lavadoiros da contorna".
Moción aprobada
Por outra banda, o pasado xoves 27 de maio tivo lugar o pleno ordinario de maio de Arteixo. O Bng de Arteixo presentou unha moción en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentábel, xusta e galega que foi aprobada coa abstención do PP. Aínda que Galiza nunca antes xerou tanta enerxía eólica (no 2020 foi a segunda comunidade do Estado), non obtén un retorno xusto que compense o impacto social e ambiental.
A moción insta, en resumo, a desenvolver e aprobar un novo marco regulamentario do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais, a comezar un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes, etc.) e a ter un amplo proceso de exposición pública, co fin de suscitar o maior consenso posíbel.