A praia dos libros está en Razo

praia dos libros en Razo Carballo
photo_camera A praia dos libros está en Razo

"A praia dos libros" volta a abrir as súas portas en Razo para promover á lectura na beira do mar.

Desde o Concello de Carballo apuntan "A biblioteca coas mellores vistas do mundo volveu abrir as súas portas e ventás na praia de Razo. Así que este verán, e xa será o segundo, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarte ou xogar ao volei, terás ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das nosas Bibliotecas de Carballo".

Horarios "A praia dos libros"

  • xullo: de luns a venres, de 13.30 a 17.30 horas
  • agosto: de luns a venres, de 13.30 a 16.30 horas

Visitantes

A praia dos Libros quixeron achegarse o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Achégate á bibliopraia e recolle, de balde, o teu exemplar dun novo número do caderno de pasatempos “A píllara das dunas”


O concelleiro de Cultura explicou que o funcionamento non varía con respecto ao ano pasado. A bibliopraia conta cunha sección de préstamo, na que se require o carné da biblioteca, que pode tramitarse na propia instalación, e outra de bookcrossing, polo tanto de uso libre.

Películas xuvenís

Pero A Praia dos Libros non chega soa, senón que ao longo do verán tamén se desenvolverán na beira do mar outras actividades culturais. A primeira, a proxección da película xuvenil “Live is life”, ás 22.30 horas en Razo. O mércoles 20 de xullo, ás 13.00 horas, “Canta música”, espectáculo musical con
Pablo Díaz e Olga Kirk, en Razo. . O mércoles 17 de agosto, ás 13.00 horas, “Galdaka”, espectáculo de maxia con Dani García, en Razo. O mércores 17 de agosto, ás 22.00 horas, proxección da película “Jumanji: seguinte nivel”, na Pedra do Sal, coa colaboración da Asociación Cultural O Castro de Lema.

Ademais, a concelleira de Normalización Lingüística, aproveitou a visita á Praia dos Libros para presentar o terceiro caderno de pasatempos “A píllara das dunas”, que está a disposición de todas as persoas interesadas, de balde, na bibliopraia de Razo e nos postos de salvamento e socorrismo das praias de Pedra do Sal e Baldaio.

Píllara viaxeira

Por outra banda, Maruxa Suárez animou á veciñanza e a visitantes a achegarse a recoller un exemplar e a repetir a experiencia da píllara viaxeira e que consiste en que compartades unha foto coa vosa “píllara”, dende calquera lugar no que vaiades este verán, etiquetando nas redes sociais ao Concello
de Carballo e/ou Turismo Carballo.

En palabras de Maruxa Suárez, a píllara das dunas convértese, “en guía excepcional para unha revista tamén excepcional, por pouco habitual, no noso panorama editorial. Unha revista de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos e de lóxica, e todo centrado nas particularidades de Carballo”.