“Somos líderes a nivel nacional na produción de castaña”
“Somos líderes a nivel nacional na produción de castaña, polo que hai que fomentar o uso deste recurso económico entre as distintas oportunidades que nos ofrece o rural”, subliñou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.
Foi cando inaugurou en San Sadurniño unha xornada formativa
sobre o aproveitamento sustentable dos soutos. Alí, o director puxo en valor o
Plan de recuperación dos soutos tradicionais que está elaborando a Consellería
do Medio Rural co fin de impulsar actividade económica ligada ao territorio.
Neste senso, Manuel Rodríguez explicou aos asistentes que este plan desenvolverase a través de varias fases centradas na identificación e caracterización dos soutos e o impulso á transformación e comercialización das castañas, fomentando ao tempo fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento dos seus propietarios para avanzar na xestión conxunta deste recurso.
Profesionais do agro
Durante a súa intervención, o director destacou a
realización deste tipo de xornadas, que neste caso foi en colaboración coa
Indicación Xeográfica Protexida Castaña (IXP) de Galicia, para facilitarlle aos
profesionais do agro interesados nesta cuestión unhas nocións básicas sobre a
produción de castaña de maneira sostible, tanto desde o punto de vista
económico como ambiental.
A xornada de produción de castaña, está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería a través da Agacal e vanse a desenvolver outras accións deste tipo -no mes de novembro- nos municipios de Laza (o 20), Folgoso do Courel (o 21), O Bolo (o 25) e Vilamartín de Valdeorras (o 26).