Afirman que parece existir unha multiplicidade de nomes no rueiro para un mesmo domicilio. Ademáis desde a formación recollen queixas de pacientes do PAC de Arteixo que levarán ao pleno
O grupo municipal socialista pedirá que desde o Goberno Municipal se proceda a iniciar os trámites pertinentes para realizar a homoxenización do rueiro municipal entre as distintas administracións e os distintos servizos de GPS coa denominación correcta das rúas, parroquias e lugares. "Dende os comenzos de venta por catálogo ata as grandes plataformas de venta pola rede, un dos éxitos deste sistema é a comodidade de recibir as compras no domicilio. Pero en Arteixo existe unha multiplicidade de nomes para un mesmo domicilio nos distintos organismos públicos e empresas privadas", explican. Engaden que isto "inflúe tamén na xeolocalización que ofrecen as aplicacións informáticas, polo que é necesario revisar o rueiro para unificar a nomenclatura e evitar posibles confusións".
Protección de datos
Por outra banda, os socialistas recollen as queixas dos pacientes do PAC de Arteixo pola posible vulneración de datos persoais. Por isto, preguntaralle ao goberno local se son coñecedores da situación e se teñen previsto comunicalo ao SERGAS para garantir a protección de datos e a confidencialidade das doenzas dos enfermos.
"Os e as pacientes quéixanse de vulneración do dereito a manter os seus datos persoais protexidos e manter as súas doenzas na confidencialidade dun profesional médico, sen que todo aquel que se atope no entorno da porta de entrada reciba dita información", explican. Por iso que os socialistas preguntarán no pleno "se no concello son coñecedores do que está a suceder na entrada ao servizo de urxencias do PAC , e se teñen previsto comunicarlle aos responsables do SERGAS as queixas que están a xurdir entre os pacientes que acuden a este servizo”, finaliza a voceira Patricia Boedo.