Por mor da Semana Europea da Mobilidade, celébrase o Día sen Coches con actividades infantís en distintas rúas carballesas.
Despois das dúas primeiras rutas, unha a pé e outra en bici, da Semana Europea da Mobilidade, a rede de sendas ciclopeonís Cicl-Ando Carballo seguirá protagonizando as actividades programadas pola Concellaría de Mobilidade, porque a próxima semana chegará todos os centros públicos de primaria o xogo de mesa infantil elaborado polo Concello de Carballo para promover a mobilidade sostible e segura entre a rapazada.
De martes a venres realizaranse nos colexios Fogar, A Cristina, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Canosa-Rus sesións co alumnado para dar a coñecer o mecanismo do xogo, que se compón dun circuíto que deben percorrer os/as participantes (as fichas son figuras de peóns de cores) ata chegar á meta final, pero para iso deberán ir respondendo ás preguntas ou realizando as probas correspondentes a cada casiña, sempre relacionadas coa mobilidade sostible. Ademais de dar a coñecer as instrucións, o persoal encargado da difusión do xogo entregará un exemplar a cada centro polo que vaia pasando para que poidan seguir practicando durante o curso.
Con esta e outras iniciativas, Carballo participa un ano máis na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes.
As actividades comezaron o venres 16 cunha ruta a pé polas sendas da rede Cicl- Ando que levou ás persoas participantes, unha trintena, ata o polígono de Bértoa. A participación foi moi similar o sábado na ruta en bici que se realizou ata Razo coa colaboración do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino. E hoxe celebramos o Día sen Coches con actividades infantís en distintas rúas: Mahón, unha vez máis en colaboración coa veciñanza; Eduardo Pondal, e o eixo formado por Concepción Arenal, Valle-Inclán e Cervantes. Todas estarán pechadas ao tráfico rodado e de 11.00 a 14.00 horas ocuparanse con xogos de todo tipo: xigantes, tradicionais, obstáculos… para que os nenos e as nenas que o desexen pasen unha mañá de entretemento converténdose en protagonistas do espazo público.
Ademais celébranse outras dúas actividades programadas por entidades locais: a partir das 10.30 horas, a ruta en bicicleta por Sísamo organizada pola asociación de veciños Santiago Apóstol, e a partir das 11.00 horas, a andaina solidaria polo paseo do Bosque que promove a Asociación Española contra o Cancro en Carballo.
Nesta Semana Europea da Mobilidade facilítanse distintas opcións para movervos por Carballo, e por iso o luns, neste caso coa colaboración da asociación ambiental Senda Nova, haberá unha nota ruta a pé que levará ás persoas participantes polo treito máis descoñecido da Ruta dos Muíños do Pan.