Insta ao goberno local a executar obras na zona e finalizar as pendentes no encoro de Meicende
Integrantes da Agrupación Socialista de Arteixo realizaron un percorrido polo núcleo urbano de Meicende. Acompañados por veciños da zona comprobaron como algúns dos problemas que veñen denunciando, seguen sen ter solución. O portavoz municipal, Simón López, considera que as carencias en materia de seguridade viaria resultan “especialmente preocupantes”.
Denuncia a existencia de varios tramos incompletos de beirarrúa na Travesía de Meicende lo que "supón un verdadeiro perigo para o tránsito de viandantes nunha rúa pola que circulan diariamente milleiros de vehículos”, engade. Ademáis sinala que varios edificios abandonados, entre o número 31 e o 35, obstaculizan o paso de peóns, obrigándoos a invadir a calzada durante varios metros. Na marxe oposta da vía o trazado da beirarrúa vese interrompido polo oco dunha parcela sen edificar. “Calquera persoa que camiñe despistada por esta zona corre o risco de caer por un desnivel de varios metros de altura, xa que o talude non esta debidamente sinalizado”, advirte López.
Así mesmo, os socialistas critican a demora na reparación do paseo en torno ao encoro de Meicende. A masa de auga está rodeada, dende hai meses, por un valado provisional de obra e aínda non hai un prazo definido para finalizar os traballos. Simón López lamenta o estado no que se atopa “unha das poucas zonas de esparexemento que hai neste núcleo urbano” e insta ao goberno a axilizar a execución das obras pendentes.