#ColeSeguro
#ColeSeguro: por unha educación segura e transparente durante a pandemia
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) colabora neste proxecto que vai analizar a situación dos colexios na situación da Covid-19 Deste xeito a POIG participa no proxecto #ColeSeguro promovido pola Plataforma de Infancia de España e PoliticalWatch.
#ColeSeguro pretende recompilar e facer accesible á cidadanía información fiable e contrastada sobre as políticas públicas que están a levar a cabo as distintas administracións. Así terá en conta indicadores coma:
- garantir o dereito á educación durante a pandemia da covid-19
- seguir as políticas publicas adoptadas e os recursos dispoñibles para executalas
- e a súa tradución en medidas concretas nos colexios de toda España
Tamén o presidente da POIG en Galicia, Xesús Vilas afirma que “para non xerar máis desigualdade é fundamental que se faga todo o posible para garantir unha educación presencial e poñer todas as medidas que convertan os colexios en ambientes seguros”.
#ColeSeguro en Galicia
O covid-19 e as medidas do confinamento incrementaron a xa existente desigualdade na educación. España situábase antes da pandemia como o país coa taxa máis alta de abandono escolar da Unión Europea. Por iso é clave que se impulsen iniciativas que busquen a redución deste fenda.
O proxecto #ColeSeguro pretende realizar unha tripla análise:
- das políticas públicas adoptadas polas administracións competentes,
- dos recursos públicos destinados a garantir que o sector educativo responde ás novas necesidades impostas polo COVID-19,
- e das medidas implementadas efectivamente polos colexios.
Así esta información será recompilada a través de consultas á dirección dos centros, a asociacións de pais e nais, ao alumnado e tamén a sindicatos de profesorado. Ademais, recollerá as opinións da cidadanía a través dunha enquisa que mide a percepción de seguridade fronte ao COVID-19 nas aulas, que se pode encher en www.coleseguro.es
A información solicitada, analizada e xerada no proxecto será xeolocalizada e posta ao dispor da cidadanía a través da web de www.coleseguro.es