Cultura e Repsol renovan a súa colaboración en prol do galego

O prazo de presentación das novelas diante da Fundación Repsol estará aberto ata o vindeiro 19 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de...

251150_373434022737346_1532176790_aO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo Erena, asinaron un acordo de colaboración en materia de dinamización lingüística, coa finalidade de darlle apoio á literatura en lingua galega por medio do Premio Narrativa Breve Repsol.

Desta forma ambas as entidades renovan a súa colaboración a prol da creación literaria en galego organizando conxuntamente o certame, que este ano chega á súa sétima edición. Ao abeiro deste acordo a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestaralle asesoramento técnico á Fundación Repsol na organización do premio, ademais de apoio e difusión institucional ao certame.

Vázquez Abad salienta a importancia deste certame “que contribúe a impulsar a literatura de calidade na nosa lingua, e que xa é peza importante do sistema literario galego”, e enmarcouno nas actuacións que a Consellería desenvolve para estender o uso do galego a todos os ámbitos da vida. “É necesario agradecer o compromiso da Fundación Repsol, que con este premio demostra comprender á perfección a necesidade de que as empresas instaladas en Galicia se integren plenamente na sociedade desta terra e contribúan ao seu crecemento”, dixo. Neste sentido reiterou ademais o firme compromiso da Consellería coa promoción e apoio á incorporación da lingua galega desde as diferentes iniciativas do sector empresarial, “un dos ámbitos que consideramos prioritarios e imprescindibles no marco de actuación da política lingüística”.

O Vicepresidente de Fundación Repsol incidiu no compromiso da Compañía e da súa Fundación con Galicia, onde desenvolve a súa actividade desde fai case 50 anos, “e na que vimos apoiando distintas iniciativas de ámbito cultural, que teñen a súa máxima expresión neste Premio de Narrativa Breve Repsol”. César Gallo Erena anunciou que nesta edición amplíase a súa dotación económica a 12.000 euros, co que se espera continuar impulsando e reforzando a creación literaria en lingua galega con este galardón, asentado firmemente na base do impulso conxunto empresarial e institucional.  A dotación económica do premio inclúe a adquisición por parte da Fundación Repsol dos dereitos de explotación da primeira edición do texto galardoado, e mais a publicación da peza pola Editorial Galaxia.

Promover o galego desde o sector empresarial

Con este acordo a Consellería volve a demostrar o seu compromiso coa dinamización do galego nos diferentes ámbitos e polo desenvolvemento das medidas precisas para garantir o seu uso social, a través da posta en marcha de accións conxuntas con outras entidades, como as contempladas neste acordo.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca así fomentar o uso da lingua galega promovendo e apoiando a súa incorporación desde as diferentes iniciativas do sector empresarial, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

O premio

O prazo de presentación das novelas diante da Fundación Repsol estará aberto ata o vindeiro 19 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación; outro da Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de escritores en Lingua Galega e un da Editorial Galaxia.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose con este galardón pola súa obra Se algún día esta muller. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. En 2010 o premio foi para o escritor galego, Xurxo Sierra, nacido en Caracas, pola súa obra Os Fíos, mentres que en 2011 o gañador foi Fernando Díaz-Castroverde pola súa obra de microrrelatos Microbios e outros paquidermos. O ano pasado o galardón recaeu na luguesa María López Sández por A forma das nubes.