Hai máis de dous séculos, en 1814, o xeneral Juan Díaz Porlier, comezaba a dar os pasos para iniciar unha revolución en contra do absolutismo de Fernando VII. Traizoado polo seu secretario persoal, é detido e trasladado ao Castelo de San Antón para cumprir condena. Durante a súa estancia no cárcere, concédeselle unha saída para tratarse no Balneario de Arteixo. Aquí comeza o inicio do que sería o pronunciamento en defensa da Constitución de 1812 aínda que finalmente non conseguirá o seu obxectivo.
Transcorría o mes de Agosto de 1815 cando Porlier e a súa muller son aloxados no Pazo de Villariza grazas ao comerciante Andrés Rojo del Cañizal. Durante máis dun mes, Porlier busca aliados para o seu pronunciamento liberal. Co apoio dun grupo de militares afíns inicia o camiño cara Coruña para dar lectura a un manifesto liberal e aunar forzas en contra do absolutismo de Fernando VII. Obtén o apoio de comerciantes, militares e de gran parte do pobo e parte cara Santiago para continuar sumando forzas. Será preto de Ordes, no Mesón de Deus, cando a súa particular revolución é truncada pola traizón dun grupo de militares. Porlier será condenado a pena de morte e aforcado no Campo da Leña en Coruña. Remataba así a súa defensa do liberalismo e da Constitución de 1812.
Para recuperar esta parte da historia na que Pastoriza é grande protagonista, o próximo 29 de Setembro, durante a Romaría de San Miguel, Pastoriza volverá a acoller nas súas rúas a Juan Díaz Porlier. A historia escrita nos libros verá a luz nunha representación teatral ao aire libre.
O proxecto Porlier nace dunha idea orixinal do escritor Xabier Maceiras e conta con multitude de colaboracións para conseguir que cada aspecto, dende o artístico até o económico, funcionen perfectamente. A asociación O Grilo é un deses colaboradores imprescindibeis para conseguir que a representación teatral consiga acadar o seu obxectivo: dinamizar as rúas de Pastoriza e achegar a historia a toda a veciñanza. Tamén se encargan do apartado económico. Unha das partes máis complicadas xa que é un proxecto ambicioso para o que teñen que multiplicar os esforzos para atopar vías de financiamento.
A historia convértese en guión teatral grazas a Henrique Rabuñal e Miguel Sande, ambos escritores de Pastoriza. Marga Fernández e Queta Soto, encárganse da dirección artística dun grupo de actores e actrices do colectivo Melandraianas e Victor Iglesias poñerá música á representación teatral.
Como explican dende a asociación O Grilo, a idea de Maceiras tivo moi boa acollida entre todos os colaboradores e comezaron a traballar xa no mes de Febreiro para conseguir que o proxecto Porlier se fixera realidade. A representación teatral ao aire libre conta cun elenco principal conformado polos actores e actrices de Melandrainas mais o obxectivo é que a xente de Pastoriza e arredores “o sinta como propio e participe”. Para iso contarán neste mes con obradoiros para facer os traxes de época e de percusión para amenizar a representación. “Buscamos que a xente se involucre, que estean disfrazados ou participen como figurantes e que vaia crecendo tamén con outras iniciativas ou actividades paralelas”.
A nivel artístico e teatral, a obra está xa moi avanzada e o Adro da Igrexa de Pastoriza, o lugar escollido para a representación, xa acolleu algún ensaio xeral. Aínda que, como explican dende O Grilo, non sen esforzo. “É unha representación ao aire libre e son cousas complicadas e novidosas para todos”. Cada detalle conta, dende os traxes ata o atrezzo ou a ambientación pois a intención é ser o máis fiel posible ao contexto histórico. Para iso contan co apoio tamén da historiadora Puri Soto e co asesoramento de Melandraianas para a realización dos traxes de época. A ardua busca dalgúns elementos da obra como o carro que empregarán para a representación vén con anécdota incluida, “apareceu no Moucho e é o carro coa matrícula número 1 do concello”.
Todo para conseguir que o próximo 29 de Setembro, as rúas de Pastoriza revivan a historia e non se esqueza, xa que, como din dende O Grilo, é un feito histórico “que nos fai diferentes, que sucedeu aquí e hai que poñer en valor para que a xente o coñeza e se convirta nunha festa con arraigo histórico”.