Un total de 650.000 metros cadrados dos 950.000 proxectados no parque empresarial de Morás, en Arteixo, xa teñen dono. Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao polígono coruñés xunto ao alcalde Carlos Calvelo, a que cualificou de “fito histórico” o feito de que o 68,5% da superficie proxectada en Morás estea adxudicada, antes incluso de que se teñan completado as obras da primeira das catro fases previstas neste ámbito.
O
bo ritmo nas adxudicacións do solo dispoñible, en opinión da conselleira, demostran
que a aposta do Goberno galego por dotar á cidade da Coruña e á súa área de
influencia de máis superficie industrial en Morás foi “un acerto absoluto”. E
para responder a ese interese amosado polo tecido empresarial, avanzou que
antes de que finalice o ano as obras de urbanización da primeira fase do
polígono estarán rematadas.
Precisamente, a titular galega de Medio Ambiente tivo ocasión de coñecer de primeira man o estado dos traballos que se están a acometer no parque de Morás. Ademais da urbanización da primeira fase e do compromiso de urbanizar tamén a segunda, a Xunta xa ten en marcha todas as obras que darán servizo á totalidade do ámbito do parque empresarial, desde os viarios de conexión tanto interiores como exteriores, pasando pola subestación eléctrica, xa rematada, ou as explanacións dos terreos das fases aínda pendentes. O obxectivo é que todas estas actuacións estean rematadas en 2019.
Neste
sentido, a conselleira garantiu que o Goberno galego quere deixar todo listo e
preparado para que as empresas adxudicatarias que así o desexen, poidan empezar
a traballar en Morás o ano que vén.
Investimento comprometido
En
total, o investimento realizado pola Xunta ata o momento en Morás ascende a 73
millóns de euros, é dicir, máis do 70% dos 101 millóns comprometidos para completar
o desenvolvemento das catro fases en que se divide este parque empresarial. Así
mesmo e co fin de adxudicar o solo que continúa dispoñible na primeira fase do
polígono –uns 135.000 metros cadrados- a Consellería de Medio Ambiente ten
previsto convocar este mesmo ano un concurso de venda de parcelas para, unha
vez esgotada esta superficie e en función da demanda que siga existindo,
analizar a execución das fases tres e catro.
Polo
que respecta á segunda fase de Morás, Ángeles Vázquez lembrou que os seus
466.137 metros cadrados xa están totalmente comprometidos con Estrella Galicia,
empresa coa que vén de asinarse o acordo de compravenda despois de que no mes
de maio o presidente da Xunta anunciara que se acababa de pechar a maior venta
histórica de solo industrial da comunidade.
Estrella
Galicia, precisamente, será unha das empresas que se beneficien das
bonificacións para a adquisición de solo empresarial que aplica o Goberno
galego con éxito desde o ano 2015. Así, a conselleira de Medio Ambiente lembrou
que desde entón e co obxectivo de favorecer o asentamento de novas iniciativas
empresariais na comunidade así como o crecemento e a expansión das xa
existentes, o seu departamento adxudicou máis de dous millóns de metros
cadrados de solo tanto en réxime de compra-venta a prezo bonificado como en
dereito de superficie, unha modalidade que permite ás empresas acceder a
parcelas a cambio do pago anual dun canon moi reducido.
Así
mesmo, Ángeles Vázquez subliñou que, ademais de seguir apostando polas
bonificacións, a estratexia da Xunta para atraer e dinamizar a actividade
empresarial en Galicia pasa por analizar a situación actual do mercado e das
necesidades de solo existentes. Para iso, lembrou que se traballa na posta en
marcha dun Observatorio do solo
empresarial, un organismo que concentrará a información e o asesoramento para
definir as futuras liñas de actuación da Xunta nesta materia e elaborará un
censo de solo.