A Axencia Galega de Infraestruturas solicita que se mellore o enlace de conexión coa AP-9

A Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de emitir o seu informe favorable ao anteproxecto do denominado Vial 18 que o Ministerio de Fomento someteu recentemente a información pública e a audiencia das administracións afectadas.

Trátase do anteproxecto de construción dunha conexión entre a autovía AC-14 no enlace da Zapateira e a autoestrada AP-9, que ten por finalidade unir as dúas principais vías de alta capacidade de acceso á Coruña. O anteproxecto prevé a construción dun semienlace no punto quilométrico 4+000 da AP-9. O informe emitido polo Goberno galego solicita que no proxecto definitivo da actuación ese semienlace se transforme nun enlace completo coa fin de permitir todos os movementos e así mellorar o servizo á área metropolitana e, especialmente ao aeroporto de Alvedro.