XV edición do Premio Narrativa Breve

O obxectivo deste premio é reforzar a creación de literatura en lingua galega e ser unha vía de promoción para que os escritores cheguen aos lectores
premio dotado de 12 mil euros
photo_camera Presentación do Premio 2021

A Fundación Repsol e a Xunta de Galicia impulsan a literatura galega cun premio de 12 mil euros


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Relacións Externas de Fundación Repsol, Pilar Núñez, presentaron a XV edición do premio que ambas entidades promoven desde o 2006. Durante o acto estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro.

O obxectivo desta iniciativa cultural é impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega. Tamén, ser unha vía de promoción para que escritores galegos cheguen aos lectores. Trátase dun certame literario xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas. Desta forma, a Xunta de Galicia promove, co apoio de Fundación Repsol, o uso social de lingua galega.

A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. As bases desta última convocatoria están dispoñibles nas webs fundacionrepsol.com e acoruna.repsol.es.

Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán á Fundación Repsol, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.

Creado en 2006

O Premio Narrativa Breve foi creado en 2006 polo Complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame. Desde seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa colaboración da Editorial Galaxia.

Na primeira edición, o xornalista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ángeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.

Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011. En 2012, o galardón foi para A forma dás nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

De 2014 a 2019

No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A Diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordés. O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas dúas últimas edicións foron galardoados dous novos escritores galego: no 2019 Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e na última edición Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción. O certame contou desde o seu nacemento coa participación de máis de 450 obras orixinais de escritores galegos. Ao longo deste ano levarán a cabo diferentes accións culturais para celebrar as XV edicións do certame que terán como protagonistas obras e escritores galardoados.