O Plan Único da Deputación da Coruña inviste 67,6 millóns nos concellos coruñeses en 2018

González Formoso destaca “o investimento histórico” do novo programa provincial que en só dous anos destinou 166 millóns de euros aos 93 concellos

Os municipios coruñeses financiarán este ano 402 obras con cargo ao Plan Único

O 64% dos fondos destínanse a investimentos, o 27% a financiar o gasto corrente dos servizos municipais e o 8% a reducir débeda e sanear as economías municipais

O POS+ 2018 ofrece obxectividade e transparencia na asignación dos fondos e dá autonomía aos concellos para decidir en qué invisten os fondos da Deputación

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade de todos os grupos políticos, os investimentos incluidos no Plan Único (POS+ 2018), que este ano ascenden a 67.666.441, 67 euros.

Coa aprobación das partidas de 2018, o Plan Único suma 166 millóns de euros investidos nos concellos da provincia da Coruña nos dous anos que leva en funcionamento (2017-2018). “Un investimento histórico”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que detallou que se trata do maior plan de cooperación municipal das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, xa que distribúe entre os 93 municipios coruñeses, baseándose en criterios obxectivos e en só dúas anualidades, unha cantidade equivalente ao presuposto anual da Deputación.

Formoso subliñou que o Plan Único “permitirá cubrir necesidades que teñen detrás unha demanda social en cada un dos concellos da provincia” e destacou o “compromiso e a visión de futuro da corporación” por aprobar de forma unánime este programa, que contribuirá a soster 2.000 empregos, permitirá a realización de 402 obras na provincia e axudará a reducir as débedas dos concellos.

Pola súa banda, o deputado responsable da área de Plans Provinciais, Xosé Regueira, agradeceu o traballo realizado polos concellos e os funcionarios da Deputación para aprobar o Plan Único 2018 cun mes de adianto con respecto ao ano pasado e considerou que suporá “un incremento importante da obra pública na provincia”.

402 obras nos concellos coruñeses

Un 64% do total dos fondos aprobados hoxe (43,3 millóns de euros) destinaranse a financiar a execución de 402 obras que contribuirán a renovar as infraestruturas dos concellos coruñeses. Parques infantís, obras de saneamento e abastecemento de auga, construción de beirarrúas, melloras no alumeado público ou construción e reforma de equipamentos sociais, deportivos e culturais son algunhas das obras que os concellos da provincia executarán durante este ano con cargo aos fondos provinciais.

En concreto o POS+2018 destina 16,7 millóns de euros a obras de mellora en núcleos rurais; 12,5 millóns a de pavimentación de vías públicas e construción de beirarrúas; 7,8 millóns a melloras nos sistemas e alumeado público e obras de saneamento e abastecemento de auga e 1,8 millóns a proxectos de construción e mellora de parques públicos, entre outros.

O POS+ 2018 destina este ano o 27% dos seus fondos (18,4 millóns de euros) a axudar a 83 concellos da provincia no sostemento do seu gasto corrente, o que supón financiar os recursos humanos e materiais necesarios para o adecuado funcionamento dos servizos públicos. Grazas a estas axudas, os municipios coruñeses sufragarán gastos que inclúen dende servizos como a axuda no fogar, as escolas infantís ou a recollida de lixo ata cuestións fundamentais como o mantemento do alumeado e de parques e espazos públicos.

Os concellos coruñeses reduciron a súa débeda en 26,5 millóns co apoio da Deputación

O presidente da Deputación subliñou tamén que máis de 5,3 millóns de euros, o 8% do total dos fondos do Plan Único aprobados hoxe, contribuirán a seguir reducindo a débeda con empresas e entidades financeiras dos concellos coruñeses. “Trátase dun dos obxectivos estratéxicos deste novo programa, que pretende axudar a sanear completamente as economías municipais antes de 2019”, sostivo González Formoso.

Trinta e dous concellos coruñeses amortizarán este ano 4.082.553 euros da súa débeda con entidades financieiras grazas ao Plan Único, continuando así o importante labor de saneamento das contas municipais iniciado co Plan de Aforro e Investimento (PAI) e que durante este mandato permitiu reducir a débeda dos concellos coruñeses en 26,5 millóns de euros.

Por outra banda, 17 concellos destinarán este ano 1.275.586 euros das súas achegas do Plan Único 2018 ao pago de facturas pendentes, o que contribuirá a reducir o periodo medio de pago a provedores dos municipios coruñeses.

Neste apartado xa se deixan notar os efectos do Plan Único, que o ano pasado permitiu aos municipios abonar máis de 3 millóns de euros en facturas atrasadas coas achegas do plan, o que repercute positivamente non só nas arcas municipais, senón no tecido empresarial local, conformado en boa parte por pequenas e medianas empresas.

Co 1 % restante dos fondos do Plan Único, catro concellos da provincia optaron por usar parte da súa asignación para financiar achegas a outros plans por importe de 440.373 euros, mentres outros catro concellos acometerán a redacción de proxectos con achegas da Deputación por importe de 87.427 euros.