Desde 1987 cada mes de xuño Arteixo acolle unha exhibición da peza máis emblemática do noso folclore: a muiñeira. A cita chega da man da A.X. Xiradela e suma xa 33 edicións ininterrompidas coa deste ano. O vindeiro domingo, 9 de xuño, congregaranse no Campo da Festa a partir das 18:00 horas 391 bailadores chegados de toda a comarca. Hai apuntados 38 grupos pertencentes a 14 asociacións.
O evento consiste en xuntar a un grande número de bailadores e bailadoras que danzan a un tempo unha muiñeira. Trátase dunha cita na que os máis pequenos son os grandes protagonistas. A xuntanza pretende fomentar o baile máis característico da nosa tradición e o máis consolidado a o día de hoxe. A peza elixida para esta 33ª edición é A Volandeira (tradicional) que se bailará tres veces con breves descansos adaptada a catro puntos e cinco voltas.
A cita aumenta ano tras ano o seu peso, neste caso medra o número de participantes con respecto ao ano 2018 no que participaron 322 nenos e nenas repartidos en 32 grupos e 13 asociacións.
Ao final do baile, os colectivos participantes reciben un obsequio en lembranza do seu paso pola cita e achégase aos participantes unha merenda.