O Bng de Arteixo levará ao pleno ordinario de setembro o estado das liñas da urbanización
O Bloque Nacionalista Galego local levará ao pleno de setembro do Concello de Arteixo a eliminación das liñas de alta tensión na urbanización Sol y Mar de Oseiro. Queren que "o goberno do PP se comprometa a traballar para comezar a eliminar a alta tensión do lugar". Lembran que en abril de 2019 o grupo preguntou en pleno sobre esta situación para poder dicirlle á veciñanza o estado do proceso e a previsión de solución. "Porén, o goberno local respondeu con ambigüidade. Escudaronse en que o dono das liñas xa era outro, que cambiou a normativa sectorial e que Industria lles mandaba facer un proxecto previo á modificación puntual para o traslado", explican.
Neste 2021, o Bng presentou emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para solicitar a eliminación das liñas. "A veciñanza convive desde máis de 20 anos con torres de alta tensión a menos de 10 metros, co perigo que supón para a saúde", engade Xurxo Couto, voceiro da formación.