A Xunta concede mais de 1,6 millóns de euros a unha treintena de entidades para impulsar a prevención de riscos laborais mediante actividades de formación.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do programa de axudas convocado este ano para a prevención de riscos laborais en asociacións empresariais, organizacións sindicais, fundacións sectoriais e colectivos de autónomos. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará máis de 1,6 millóns de euros (un 11% máis que en 2022) a unha trintena de entidades co gallo de apoiar accións de formación, sensibilización e asesoramento neste eido.
A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira, destinada a financiar cursos e xornadas formativas de carácter intersectorial e a apoiar os gabinetes técnicos de prevención de riscos laborais; e a segunda, para promover cursos e xornadas que incidan en sectores específicos.
O programa, en concreto, está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos.
Na resolución da convocatoria, a Xunta outorgou maior puntuación atendendo a criterios de paridade nos cadros de persoal, á estabilidade no emprego e a outras medidas de carácter social como a activación de actuacións preventivas en poboación traballadora de máis de 55 anos ou que inclúan a perspectiva de xénero. Priorízanse, ademais, as accións formativas centradas na prevención de accidentes marítimos e en actividades que implican un perigo pola súa natureza.
As entidades beneficiarias podían optar a axudas de ata 10.000 euros para a realización de estudos e de ata 1.500 para a celebración de xornadas, entre outros. As actividades que reciban financiamento deberán celebrarse ao longo deste ano, desde xaneiro e ata o próximo 31 de outubro.