A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén do Campo, fixo un chamamento a toda a xuventude animándoa a que se implique e asuma un papel de liderado co fin de potenciar un novo modelo de relación entre os seres humanos e a natureza que sexa máis xusto, sostible e harmonioso.
Durante a inauguración do I Foro de Mozos na Rede Española de Reservas da Biosfera en Bergondo, do Campo lembrou que para os menores de 24 anos o medio ambiente é xa unha das súas principais preocupacións. Por este motivo e ante un auditorio cheo de mozos comprometidos coa sostibilidade e que acoden a este encontro en representación de 11 comunidades con reservas da biosfera, a directora xeral animounos a aproveitar este foro como unha ocasión única para coñecer, debater e intercambiar visións e experiencias en materia de desenvolvemento sostible con mozos que comparten as súas inquedanzas.
“Máis que nunca, correspóndevos aos mozos estar motivados e involucrados porque a conservación do medio ambiente é unha das demandas da sociedade actual e unha obriga non só de calquera administración pública senón de toda a cidadanía”, asegurou do Campo, quen tamén puxo en valor o “gran potencial, a innovación e a creatividade” que caracterizan á chamada “xeración do clima”.
Así mesmo, a responsable de Patrimonio Natural aproveitou a súa intervención para lembrar a aposta decidida da Xunta polas Reservas da Biosfera e polo programa da Unesco MaB (Home e Biosfera) co fin de fortalecer a construción dunha sociedade global xusta e sostible.
De feito, indicou que Galicia conta nestes momentos xa con seis reservas da biosfera, cunha extensión equivalente ao 25% do seu territorio, e subliñou que a firme aposta do Goberno autonómico por integrar a contorna coas actividades humanas a través desta figura tamén se reflicte nos esforzos que se están a realizar para que a Ribeira Sacra e as Serras de Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera galega a curto prazo.
Rede de Reservas da Biosfera de Galicia
Por último e co fin de cimentar ese modelo de xestión integrado, participativo e sostible que promove a Unesco a través do programa Home e Biosfera, Belén do Campo referiuse á orde de axudas que, por primeira vez este ano, convocou a Xunta para financiar estudos e investimentos vencellados á conservación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural nos 63 concellos que integran a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, unha iniciativa e chamamento á que, segundo avanzou, daráselle continuidade o próximo ano.