Crece a economía social en Galicia
Desde a Xunta de Galicia destacan a presenza maioritaria de mulleres socias promotoras nas cooperativas que se crearon en 2021 ao superar por primeira vez o 50%
Galicia conta na actualidade con 3.150 entidades de economía social activas:
- 1.571 sociedades cooperativas
- 1.448 sociedades laborais
- 117 centros especiais de emprego
- 14 empresas de inserción
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que en 2021, e a pesares da situación pandémica, creáronse na comunidade 174 novas iniciativas. Todas, aglutinan 521 persoas socias promotoras. Ademáis, quixo destacar no pleno do Consello da Economía Social, a ampla presenza de mulleres. No caso particular das cooperativas creadas en 2021, supoñen case o 51% das persoas socias.
Potenciar esta fórmula de desenvolvemento económico que preconiza valores como o da solidariedade, a democracia empresarial e mesmo o apego co territorio, é unha das prioridades do goberno autonómico. O traballo se fixo principalmente a través da Rede Eusumo, que na actualidade conta con 87 entidades adheridas.
Así, asesorou un total de 174 proxectos de negocio o ano pasado e titorizou a 278 persoas, das que o 58% foron mulleres. En canto á formación en economía social, celebráronse 77 cursos para mellorar as capacidades técnicas do persoal das entidades nas que participaron máis de 1.000 alumnos. Unha vez máis, con maioría feminina, que se situou no 68%.
Máis de 1.300 persoas tomaron parte ademais nas actividades divulgativas para dar a coñecer esta oportunidade de emprendemento en Galicia. A Xunta mantén abertas liñas de apoio económico para a posta en marcha, difusión, funcionamento e creación de emprego na economía social ás que se destinaron en 2021 case 30 millóns de euros. En 2022, soamente para a creación e o fomento do emprego na economía social destinaranse 35 millóns de euros.
Novo catálogo
O pasado maio, a Consellería de Emprego e Igualdade creou o primeiro catálogo de entidades e empresas de economía social de Galicia. No memo, está a dispor de calquera persoa interesada no enderezo www.catalogoeconomiasocial.gal. Aparecen recollidas máis de 7.000 referencias de entidades e empresas da economía social:
- fórmulas empresariais -cooperativas (22,5%)
- sociedades laborais (20,5%),
- empresas de inserción laboral (0,20%)
- centros especiais de emprego (1,6%)
- comunidades de montes en man común ( 42,75%)
- sociedades agrarias de transformación (10,3%)
- confrarías (0,89%)
- agrupacións forestais (0,61%)
- montes de varas (0,45%)
- sociedades de fomento forestal (0,20%)
- comunidades de bens (0,14%)
- mutualidades (0,04%)