Os espacios naturais propuestos por Acciona para o tendido de alta tensión sitúanse en Monteagudo
A veciñanza rexeitou de maneira unánime o trazado previsto para a liña de alta tensión entre un futuro parque eólico en Carballo e o Polígono de Morás. Iso levou a empresa Acciona a presentar unha nova proposta menos lesiva co patrimonio ambiental e paisaxístico de Arteixo. No seu momento, a agrupación local socialista recibiu a noticia con agrado. Pero, despois de analizar detidamente os planos e falar cos habitantes das zonas afectadas, constatouse a necesidade de efectuar unha nova modificación no proxecto antes de continuar coa tramitación.
Lembramos que o percorrido proposto por Acciona afecta ao val do Rego da Ibia e o Picoto da Veiga, na parroquia de Monteagudo. Trátase de dúas zonas de especial interese paisaxístico e natural que actualmente apenas teñen afectación industrial o de grandes infraestruturas. Por ese motivo, o portavoz socialista no Concello de Arteixo, Simón López, considera que “deben preservarse inalteradas para as vindeiras xeracións”. Así mesmo engade que “da mesma forma que se protexeu a Fraga de Sisalde, debemos asegurar tamén o Rego da Ibia. Alí hai muíños e bosque autóctono. E non debe verse prexudicado polo impacto visual dos cables”.
A Pleno novas opcións
Ante a situación, o Psoe de Arteixo presentará no próximo pleno unha moción para instar a Acciona a revisar o proxecto actual atendendo as demandas da veciñanza de Monteagudo. As alternativas propostas pasan por trasladar as torres e a liña eléctrica aérea cara a unha zona máis próxima á autoestrada AG-55. Ou ben soterrar os cables nesta parte do percorrido. Simón López confía en que a moción socialista conte co respaldo de toda a corporación. Ademáis, insiste na necesidade de aprobar, canto antes “un Plan Xeral no que se definan as zonas que deben estar suxeitas a especial protección ambiental, patrimonial e paisaxística”.