A compañía Amorodio Teatro ultima os detalles para a representación da súa obra A Nai.
A compañía Amorodio Teatro, composta por Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Raquel Velasco, ultima os detalles para a representación da súa obra A Nai.
Representarase este venres 3 de marzo no Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 20:30.
A Nai, emprega as ferramentas do teatro documento e a autoficción para recuperar e reivindicar a figura das irmás Lola, Amparo e Julia Touza, que nos anos 30 e 40 axudaron a saír de Europa a unha cantidade estimada de 500 persoas que fuxían do nazismo. As irmás Touza, que rexentaban o quiosco da estación de tren de Ribadavia, formaban parte dunha rede europea de axuda artellada polo goberno británico, que empregaba o ferrocarril como vía de saída de Europa. O nome en clave que empregaban era “La madre”, e a estación de tren de Ribadavia era a última parada dos fuxidos e fuxidas no estado español, xusto antes de acadar a liberdade.
Carmen, Javier e Raquel
O espectáculo, de carácter multidisciplinar, traza relacións entre a vida e obra das irmás e as vidas dos propios intérpretes Carmen, Javier e Raquel , abordando problemáticas como as guerras, as migracións ou o papel da muller na sociedade sen perder nunca o sentido do humor.
A Obra de Amorodio Teatro está dirixida por Marián Bañobre, de recoñecida solvencia e prestixio, e escrito pola dramaturga Laura Porto, ven de recibir un dos premios Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade, da Deputación de Coruña.
Este proxecto financiado pola Xunta de Galicia e Agadic e conta tamén coa colaboración dos concellos de Rianxo, Ribadavia, Caldas de Reis e Santiago de Compostela; e coas empresas Confitería SILA e Viña Costeira. A escenografía corre a cargo de As dúas e punto e a iluminación é de Violeta Martínez. Raquel Crespo é a encargada de vestiario e a produtora Enibó, é a responsable da realización dos audivisuais. Os grafismos corren a cargo de Xoán Brégoa.