Corrían os anos 50 cando Doña Josefina chegou á escola unitaria de Pastoriza. Durante dúas décadas foron máis de 200 as alumnas que tiveron como referente a Doña Josefina.
Todas esas nenas, agora mulleres, decidiron o mes de novembro de 2018, celebrar unha cea para rendirlle un sentido e merecido homenaxe. Como explica Carmen Vázquez, unha daquelas alumnas, “a cea foi unha maneira de compartir, volver atoparnos e festexar”. Non só houbo parte lúdica, senón tamén, como di “reivindicativa”. “Estaba pendente homenaxeala polo traballo descomunal que fixo en Pastoriza”.
Doña Josefina, como di Carmen, non era só unha mestra. Era “unha muller vanguardista” e levou a educación cunha metodoloxía propia do século XXI. As aulas quedábanse pequenas para todo o coñecemento que Doña Josefina lles quería transmitir. Por iso, as nenas coa súa mestra, saían de excursión para descubrir todo o que as rodeaba.
Cada persoa ten as súas habilidades e Doña Josefina, din, era quen de sacar o mellor de cada unha delas. Ademais de insertar na súa personalidade o afán por coñecer. O respeto que cada nena lle tiña a aquela muller convertiuse en admiración co paso dos anos. Son moitas as historias e anécdotas que as súas alumnas gardan daqueles anos. Mais, quizais é a entrega daquela muller o que lembran con maior cariño.
Doña Josefina sabía que para aprender, era necesario facelo co bandullo cheo. Así, levou, durante anos, un comedor escolar no que aquelas nenas non só se alimentaban senon que se nutrían. A roda de alimentos estaba moi presente na escola de Pastoriza. Moitas nais levaban ovos, carne ou patacas para manter aquel comedor que Doña Josefina sacaba adiante con grande entrega e coa axuda das cociñeiras María Corral e Aurelia Rabuñal.
Madmoiselle Josefina ou Doña Josefina, como a recordan as súas pupilas, marcou a infancia daquelas nenas que agora reclaman unha rúa para recordala por sempre.