Axudas no rural para a recepción da TDT vía satélite

Máis de 200 subvencións para equipamentos de TDT, para familias sen cobertura que vivan nas zonas a revitalizar do Programa de Desenvolvemento Rural...

Foto: allrural.com

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios, adxudicou máis de 200 subvencións para a adquisición de equipamentos para a recepción da TDT a través do satélite, para familias sen cobertura que vivan nas zonas a revitalizar do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia, no exercicio 2014, acadando un investimento subvencionado total de 59.795,67 euros.

A axuda foi tramitada directamente a través de empresas instaladoras de telecomunicacións autorizadas, que colaboran coa Xunta de Galicia, realizando as xestións para os interesados. A subvención consiste no desconto na factura, por parte das empresas colaboradoras, de ata 300€ no material subministrado, incluído o IVE. Neste material inclúese todo o necesario para a recepción do servizo, antenas, cables, conectores e o receptor de TDT a través de satélite.

O Plan de Desenvolvemento Rural Sostible (PDRS) en Galicia, é unha iniciativa coordinada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, a través de Agader, co respaldo e a colaboración económica do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que aporta o 50% do financiamento deste proxecto. O outro 50% é sufragado pola Xunta de Galicia, neste caso a través dos orzamentos da Secretaría Xeral de Medios. Para ter acceso a estas axudas é necesario que as familias que as soliciten non teñan acceso a Televisión Dixital Terrestre e que residan nos concellos do interior de Lugo e de Ourense clasificados de primeiro nivel dentro do PDRS. As axudas continuarán no 2015.