O aparcamento de camións demandado polo Bng será unha realidade
Así o asegurou o alcalde de Arteixo tras unha nova consulta de Bng local
O Bng de Arteixo volve a demandar un aparcamento para os camións que chaegan ao Polígono de Sabón. “Vemos camións en beiravías con liña continua, en aparcamentos de pequenos núcleos, en cruces sen visibilidade. Iso é perigoso para os persoas, para os vehículos e para os propios camións e os seus condutores”, comenta Xurxo Couto, portavoz municipal.
Meses despois, semella que vai materializarse. Así o asegurou Carlos Calvelo, ao preguntar de novo polo tema. “Estivemos co alcalde e aproveitamos para preguntarlle sobre o aparcamento alternativo no Polígono de Morás. Contaría con certa infraestrutura para comodidade dos usuarios. Dixo que estaba a piques de estar operativo, pois só faltaba a alta da acometida eléctrica”, comenta Couto.
Ademáis, os nacionalistas consideran que ten que existir unha planificación urbanística acorde coa realidade actual, unha política medioambiental e de infraestruturas que dean servizos. “Ninguén pode negar que hoxe Sabón, ou as áreas industriais de Meicende, están integradas no plano urbano. Polo tanto, cómpre dotalas de servizo e de melloras que non teñen: seguridade viaria, mellora da iluminación, beirarrúas, zonas verdes, aparcamentos…”, afirma o portavoz.
Obras de mellora na estrada AC-415 en Arteixo
Por outra banda, O Bng de Arteixo solicita obras de mellora na estrada AC-415, de titularidade municipal. Os nacionalistas reclaman actuacións como o pintado da estrada, a sinalización horizontal e vertical, a visibilidade dos pasos peonís así como o cumprimento da accesibilidade.
Nesta estrada, que atravesa Meicende, Pastoriza e Oseiro e é moi concorrida "a día de hoxe pódense observar pasos de peóns que nin se ven e con iluminación insuficiente, liñas que están completamente borradas, barreiras arquitectónicas, etc. Por iso, urxe a realización de obras de mellora, tendo en conta ademais a chegada do inverno, cando as choivas farán esta estrada máis perigosa", asegura Xurxo Couto.
A estrada AC-415 foi transferida pola Xunta ao concello de Arteixo no ano 2015. O Bng esixe obras pois as condicións da cesión eran claras: “todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova administración titular”. Os nacionalistas levarán o tema ao vindeiro pleno municipal de Arteixo.