As emendas do Bng aos orzamentos xerais do Estado 2021 demandaban un investimento no municipio de 15 millóns de euros
O Bng lamenta a falta de investimento en Arteixo nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021. Un feito que os nacionalistas ven como unha falta de responsabilidade e de respecto do goberno central co Concello de Arteixo. "O grupo municipal tiña esperanza de que as negociacións trouxesen as melloras necesarias para o municipio. Todos os partidos políticos da corporación local crían na necesidade das propostas que o Bng local fixo chegar ao deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego", afirman.
"En cambio, o Goberno central xa non quixo negociar. Os nacionalistas reclamaban 5 millóns de euros para a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, unha obra imprescindible para operativizar portuaria. Esta actuación figura cunha ridícula dotación de 100.000 euros mentres que o porto de Castellón conta con 140.000.000 de euros. Xunto coa conexión ferroviaria ao Porto Exterior, eran necesarias outras infraestruturas viarias, mais de novo o orzamento para Arteixo será cero. De novo, os orzamentos do Estado minoran o investimento en Galiza", agrega Xurxo Couto, voceiro municipal.
Estes 5 millóns formaban parte dun investimento global en Arteixo por valor de 15.400.000 euros. Así, ademais das conexións ferroviarias co porto exterior, entre as propostas do Bng que beneficiaban ao municipio de Arteixo estaban a realización dos estudos da 4ª ronda (100.000 euros), a reclamación dos achados no castro de punta de Muros (300.000 euros) e o 1,5% cultural do porto exterior de punta Langosteira (10.000.000 euros).