A iniciativa cultural comezou coa entrega das coleccións aos responsables das cinco bibliotecas públicas da rede presentes no municipio arteixán
As coleccións das novelas gañadoras do Premio Narrativa Breve Repsol estará dispoñible en todas as bibliotecas públicas de Galicia. A refinería de Repsol na Coruña, creadora e impulsora do galardón subscribiu un acordo coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Vai entregar á rede autonómica un total de 300 coleccións de quince edicións do Premio que serán distribuídas este ano por todo o territorio galego.
Así o anunciaron o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo, e a directora do complexo industrial de Repsol, Natalia Barreiro, na presentación do proxecto “Bibliotecas Galegas coa Narrativa Breve Repsol”. O evento tivo lugar na Biblioteca Miguel Sande de Pastoriza. Participaron tamén a concelleira de Cultura do Concello de Arteixo, Ana Bello, o director de Edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, e o xornalista e gañador da primeira edición do Premio Narrativa Breve Repsol, que da nome ao centro de lectura, Miguel Sande.
As bibliotecas autonómicas poderán ofrecer aos seus usuarios as quince novelas de catorce escritores galegos galardoados co Premio Narrativa Breve Repsol. En total, as 300 bibliotecas públicas que conforman a Rede da Xunta de Galicia van dispoñer de 4.200 exemplares editados por Editorial Galaxia. Os títulos que forman cada unha das coleccións para as bibliotecas son:
- Se algún día esta muller morta de Miguel Sande (2006)
- Así nacen as baleas de Anxos Sumai (2007)
- A verdade como mal menor de Xosé Luís Martínez Pereiro (2008)
- Os Fíos de Xurxo Sierra (2010)
- Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde (2011)
- A forma das nubes de María López Sande (2012)
- O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (2013)
- A diagonal dos tolos de Santiago Lopo (2014)
- Fontán de Marcos Calveiro (2015)
- Nordeste de Daniel Asorey (2016)
- O sono das sereas de Xosé A. Neira Cruz (2017)
- Extraordinario de Antón Lopo (2018)
- Diario dun enterro de Gonzalo Hermo (2019)
- Illa Decepción de Berta Dávila (2020)
- Eternity de Xosé Monteagudo (2021)
Premio Narrativa Breve Repsol
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame que desde o seu inicio conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia que edita as obras gañadoras.
O galardón, xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas, busca en cada edición impulsar e reforzar a creación de literatura en galego e ser unha vía de promoción para que escritores cheguen aos lectores. Con este obxectivo, contou desde o seu nacemento coa participación de preto de 500 orixinais, publicou dezaseis novelas de escritores galegos e repartiu entre os seus gañadores máis de 190.000 euros.
O xornalista e escritor, Alberto Ramos, é o último gañador do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa novela Os corpos dos Romanov, que se atopa actualmente dispoñible en librerías tras a súa publicación en decembro por parte da Editorial Galaxia.