Arteixo xa sabe a programación que levará a cabo no Outono Cultural 2024.
Un total de 22 actuacións e 4 exposicións daranse cita, principalmente, no Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña e da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC, nas que se inclúen teatro, monicreques, música, danza, circo, obradoiros e exposicións.
A música, sen dúbida, será a protagonista deste Outono. En cartel teremos concertos de artistas xa fortemente consagrados no Folk tradicional galego como Budiño e outros emerxentes pero cun futuro prometedor como son Fillas de Cassandra, Ninghures e Amoebo. Tradición musical e oral fusionada con ritmos modernos, feminismo e reivindicacións efervescentes acompañados dunha coidada e brillante posta en escena. A danza non podía faltar, nesta ocasión, da man da compañía de Fran Sieira acompañado de 7 bailadoras/es presentando o seu novo espectáculo Ceibe3, unha peza que cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas. E para a rapazada un orixinal espectáculo que mestura ópera e breakdance con Vella Escola.
En representación da escena galega teatral contaremos con Ibuprofeno Teatro e a súa orixinal e divertidísima Deadpan Karaoke, unha peza que fará cantar ao Auditorio ao completo e facer cuestionar ao público sobre o sentido do amor na sociedade actual. A que tamén nos fará reflexionar será Esther Carrodeguas, de Butacazero, en clave de humor con "O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada", un espectáculo que aborda a problemática da gordofobia. Tamén contaremos con compañías de fóra de Galicia como a madrileña Tropos, que con 20 anos de traxectoria profesional no teatro de monicreques, ofrecerannos unha delicada e fermosa versión de "La ratita presumida".
O talento local tamén ten cabida nesta programación dentro da XIX Mostra de Teatro Afeccionado. A Escola de Teatro Melandrainas representará un clásico do teatro español "Un marido de ida e volta" a través do seu grupo de teatro Pasapadentro ao igual que a Asociación Cultural Faíscas coa comedia "A pousada da pantasma coxa", así como outros grupos de teatro amateur da Coruña como son Ditirambo, Portas Abertas e Alexandre Bóveda Teatro. A música arteixá tamén estará presente cun concerto predecido por un pasacalles o sábado 2 de novembro a cargo da Banda de Música Santiago de Arteixo, quen organiza XXI Encontro de Bandas e pola súa parte o Orfeón de Arteixo encargarase dos Encontros musicais na honra a Santa Icía o sábado 23 de novembro.