O obradoiro terá unha duración de doce meses e contará con 20 alumnos traballadores
A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI é un obradoiro mixto de formación e emprego dirixido a persoas que se atopan en busca activa dun posto de traballo. Ten por obxectivo mellorar o seu currículo a través da formación e ofrecerlles un emprego remunerado. Ao mesmo tempo realizan traballos de interese comunitario para ambos municipios.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de resolver as subvencións outorgadas para a organización de obradoiros duais de emprego. O proxecto presentado polos Concellos da Laracha e de Arteixo foi un dos mellor puntuados pola Comisión Central de Valoración. Por tanto, ambos municipios terán a oportunidade de volver organizar en conxunto, por sexta vez, un programa destas características.
Especialidades
Nesta ocasión o programa consta de dúas especialidades con dez alumnos traballadores en cada unha delas, vinte en total. Os traballos a desenvolver no Concello de Arteixo será a de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais. As actuacións inclúen núcleos urbanos como a capital municipal, Meicende, Pastoriza, Vilarrodís Oseiro e A Groufa. En Arteixo, ambas especialidades realizarán ao completo a fase de formación teórica.
Pola súa parte, o Concello da Laracha deembolverá actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, sendo o seu punto de actuación exclusivo o Castro de Montes Claros. Os labores terán por finalidade a posta en valor do xacemento e do seu entorno, respectando o valor arqueolóxico e preparándoo para un desenvolvemento ecolóxico e práctico.
Procesos selectivos
A duración será de doce meses, período durante o cal os alumnos-traballadores estarán vinculados aos Concellos cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración. Ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade.
En próximas datas iniciaranse os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores deben estar empadroadas nos termos municipais da Laracha e Arteixo. Tamén, atoparse inscritas na súa oficina de emprego como demandantes de emprego e como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.