Arteixo reclama partida orzamentaria para Meicende e Pastoriza
O concello de Arteixo reclama ao Estado que incorpore a partida orzamentaria para construir o enlace de Meicende xa proxectado
Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo, levou en nome de goberno municipal o pleno municipal unha moción que reclama que o Estado volva a incluir unha partida orzamentaria, como xa fixo outros anos, para construir en Meicende un enlace que elimine o tráfico pesado do núcleo urbano. O citado enlace ten o proxecto aprobado e as expropiacións dos terenos feitas, pero nos presupostos do Estado do 2022 non aparece ningunha partida para que comece a obra. A moción foi aprobada por unanimidade.
Calvelo recordou no pleno que “o concello de Arteixo soporta no seu territorio unha serie de infraestruturas industriais que históricamente condicionaron as súas comunicacións debido á presenza de transportes pesados e de mercadorías perigosas en estradas que pasan por núcleos urbanos. Especialmente problemático é o caso de Meicende e Pastoriza, onde se concentran varias industrias petroquímicas (Repsol, Repsol Butano, Air Liquide) que utilizan os camións como un dos seus principais medios de distribución”.
Unha nova infraestructura
Coa construción da Autovía do Porto Exterior abriuse unha posibilidade de aproveitar unha nova infraestrutura para aliviar de todo ese tráfico pesado e perigoso ás poboacións de Meicende e Pastoriza. Trátase da construción, por parte do Ministerio de Fomento, dunha ligazón á citada autovía coa estrada AC-415. Esta autovía tivo un custo aproximado de máis de 80 millóns de euros, e ten un tráfico na actualidade de menos de 500 vehículos diarios, pero que non da ningún servizo ao concello de Arteixo e aos seus veciños, posto que unicamente comunica o Porto Exterior coa autovía A6.
A partida orzamentaria para o proxecto de enlace coa autovía do Porto Exterior cumpríría con dúas finalidades:
- Facer unha circunvalación para os veciños de Meicende e Pastoriza á hora de mellorar as súas comunicacións tanto en dirección A Coruña como en dirección a Arteixo.
- Creación dun vial perimetral á refinería de Repsol co obxectivo da eliminación de tráfico pesado e de mercadurías perigosas polo núcleo urbano de Meicende
Desde 2015
Tras repetidas peticións por parte do concello, no ano 2015 orzouse a obra por parte do Ministerio de Fomento e comezáronse os trámites coa elaboración do proxecto, que no 2015 sinalaba como investimento necesario para a ligazón a cifra de 6,67 millóns de euros máis o IVE. O proxecto recollía así a petición veciñal e política por parte do goberno municipal de eliminar o tráfico pesado das rúas de Meicende e Pastoriza.
A idea central do proxecto pasaba por desviar da AC-415, que atravesa o centro urbano de Meicende, todo o tráfico pesado procedente de industrias como a refinería. Todo este tráfico tería así unha ligazón directa coa nova autovía AC-15. A ligazón supoñería a construción dun vial entre a zona da avenida de Butano en Meicende e o punto no que a nova autovía crúzase coa estrada AC-415. Neste último punto colocaranse dous accesos á autovía, un de entrada e un de saída. A nova ligazón tamén melloraría as comunicacións da zona ao ter unha vía de acceso a unha nava infraestrutura que, ademais de dar servizo ao Porto Exterior, facilitará as comunicacións dos veciños de Arteixo.