O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo reciben o trofeo do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global
O CEIP Ponte dos Brozos e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, foron os protagonistas dos actos de entrega. Falamos do I Premio Galego de
Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. Trátase dun galardón impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD. A entidade naceu en 2020 para recoñecer experiencias educativas que fomenten a cidadanía solidaria, crítica e comprometida por un mundo xusto.
O pavillón deportivo do CEIP Ponte dos Brozos acollía a recepción do acto en Arteixo. Representantes do alumnado de Educación Infantil e Primaria, así como do profesorado, recolleron os diplomas. A iniciativa chámase ‘Aprendendo a convivir’, gañadora na categoría A (Infantil e Primaria). “A recepción deste premio supón a posta en valor dun esforzo para acadar unha escola solidaria e sensible co relativo á igualdade, á convivencia e coidado do medio ambiente”, afirmou Patricia Galán, directora do centro.
O centro Ponte dos Brozos é un dos máis grandes de Galicia. Actualmente conta con 1.115 alumnas e alumnos e cun equipo docente formado por 85 persoas. A iniciativa ‘Aprendendo a convivir’ naceu en 2014 cando o centro entrou a formar parte da Rede de escolas asociadas á UNESCO. Dende entón foi collendo forza. Está implicada toda a comunidade educativa: o claustro, o alumnado e as familias.
O proxecto aborda cuestións coma a emerxencia climática, a igualdade de xénero e a cultura da paz. E ao longo do curso prográmanse actividades en colaboración con colectivos e institucións da contorna como a residencia para persoas maiores, o Hospital Materno Infantil da Coruña, a ONG Mestura ou o Centro
de Información á Muller (CIM) de Arteixo. Tamén, con organizacións internacionais. No seu blog atópase informacións das distintas actividades levadas a cabo.
Monferosolidario
Así mesmo, tivo lugar o acto de entrega da trofeo á iniciativa gañadora da categoría B (Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas) no CPI Virxe da Cela de Monfero. Verónica Dopico, coordinadora de ‘Monferosolidario’, xunto a Yolanda Castro, afirmou que “o premio visibiliza o traballo que fixemos dende este centro do rural e supón unha reafirmación na nosa idea inicial. Trátase da posibilidade de abrir a escola cara á transformación social desde a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. E estamos moi orgullosas.”
Pola súa banda, a portavoz do equipo organizador do Premio, María Paz, lembrou que este galardón “é o recoñecemento que facemos as 46 ONGD galegas que formamos parte da Coordinadora Galega de ONGD".
Primeira edición do premio
En outubro de 2020 convocouse a primeira edición do Premio Galego de Educación para Desenvolvemento e a Cidadanía Global. Presentáronse 19 candidaturas divididas en dúas categorías. Sete correspondentes á categoría A e 12 á categoría B. O 1 de febreiro, o xurado formado por seis persoas vinculadas ás ONGD, á cooperación internacional ao desenvolvemento e ao mundo educativo, fixo pública as candidaturas gañadoras.
As experiencias caracterízanse por promover que o alumnado se responsabilice e participe na construción colectiva dunha sociedade solidaria e comprometida coa xustiza social global. “Estamos moi satisfeitas coa acollida que tivo o Premio nestaprimeira edición e co potencial e valor das propostas presentadas por 19 centros educativos de Galicia que traballan para transformar o mundo dende as aulas”, informou Paz.