A rotonda de Sabón atópase actualmente ao 62% da súa execución total, polo que, segundo anunciou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o seu remate está previsto para finais de 2014. A nova a declarou ninha visita a estas obras na que tamén estiveron o alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo; e Diego Calvo, presidente da Deputación provincial da Coruña, administración que cofinancia esta actuación coa Xunta.
Hernández explicou que “estamos a executar as obras de reordenación da rotonda de Sabón co obxectivo de reducir a conxestión de vehículos nas estradas que dan acceso á zona industrial de Arteixo, ao polígono de Sabón”. Engadiu que “supoñen un investimento de máis de 10 millóns de euros para facer realidade esta actuación a finais de ano, sempre que Gas Natural remate o retranqueos pendentes”.
Trátase dunha obra que reordena os tráficos mediante a construción dunha nova glorieta elevada sobre a xa existente conectada mediante tres viadutos coas estradas AC-551 (AG55-Sabón. Conecta coa A6), DP-0509 (acceso ao polígono) e a AC-552 (A Coruña-Cee), que se ensanchan.
Agustín Hernández destacou que “estamos a falar dunha intersección cunha elevada Intensidade Media Diaria (IMD), 50.000 vehículos, e estimamos que entre o 25% e o 30% (uns 15.000 vehículos ao día) farán uso do paso elevado, desconxestionando os accesos ao polígono”. Destacou tamén que a glorieta é utilizada cada día por mais de 4.000 camións.
Dende a Xunta sinálase, que a chegada dunhas condicións meteorolóxicas máis axeitadas, poderase avanzar na execución das capas de firme na AC-551, para empezar a construír o ramal de acceso á glorieta superior, polo que esta estrada pasará a ter dous carrís por cada sentido.
O avance das obras tamén aconsellou o traslado da pasarela peonil que actualmente se atopa nunha parcela anexa á actual, segundo xestionou o Concello. Hernández concretou que “para executar este traslado asinouse un convenio en setembro co Concello de Arteixo, por un importe de 125.000 euros, que debe ser executado con todas as garantías”.
Actuacións
No que se refire a estruturas, están construídas as 6 pilas e o estribo no que se apoia o ramal de acceso desde o polígono de Sabón; os outros dous están en execución.
No desdobramento da estrada AC-552, tamén se atopan en execución as canalizacións sobre a nova beirarrúa a construír na marxe esquerda do desdobramento e coa ampliación da plataforma nesta marxe.
No desdobramento da DP-0509, están repostas as canalizacións subterráneas de abastecemento, Telefónica e Fenosa da marxe esquerda (lado embalse) e en curso a reposición da canalización de Gas Natural, situada na marxe dereita.
No desdobramento da AC-551, xa están repostas a liña aérea de media tensión, as canalizacións subterráneas de Gas Natural e R e o saneamento existente. Está realizado o movemento de terras para o desdobramento e a prolongación das obras de drenaxe. Atópanse en execución as capas de firme, necesarias para habilitar o desvío de tráfico que permita empezar a construír sobre a calzada actual o ramal de acceso á glorieta superior.