A Vicepresidenta da Deputación coruñesa e responsable do área de Deportes, Mariel Padín, recibiu a Meri Suárez Agrasar, campioa do mundo de Taekwondo na clase Master de menos de 57 quilos nos pasados Xogos Mundiais celebrados na cidade italiana de Turín.
Durante a recepción, Mariel Padín cualificou de “privilexio” poder apoiar aos grandes deportistas da provincia e felicitou a Meri Suárez polo seu logro e polo “impagable traballo” que leva a cabo cos máis pequenos como presidenta do Club Dobok de Taekwondo.
Acompañada pola súa filla Sara García, actual campioa galega de Taekwondo na categoría junior e campioa de España por equipos e que realiza a súa formación no Centro de Tecnificación de Galicia en Pontevedra, Suárez mostrouse “moi agradecida” polo apoio mostrado pola Deputación da Coruña cara a unha disciplina que, segundo explicou, non ten “tantas axudas como outras”.
Por último, a vicepresidenta destacou a importancia da práctica do deporte, neste caso o Taekwondo, como vehículo para fomentar valores “tan fundamentais para a sociedade como o espírito de sacrificio, o esforzo ou o compañeirismo”.