A convocatoria para a presentación de traballos para a XII edición do Premio Narrativa Breve estará aberta ata o 31 de xullo. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, renovaron o convenio de colaboración para o lanzamento da nova edición deste premio
O obxectivo deste convenio é impulsar a creación de literatura en galego, a través deste certame literario xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas. Desta forma, a Xunta de Galicia promove, xunto ao apoio de Fundación Repsol, o uso social da lingua galega, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.
Requisitos do premio
A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia.
As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán a Fundación Repsol, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.
Podes consultar as bases aquí.