Colaboración da Xunta coas tres universidades públicas

A Xunta colaborará coas tres universidades públicas no estudo da realidade galega en materia de conciliación e corresponsabilidade.
Universidade da Coruña.
photo_camera Universidade da Coruña.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colaborará coas tres universidades públicas galegas co obxecto de obter unha radiografía, o máis exhaustiva posible, da realidade galega en materia de reparto de tarefas domésticas e de coidados entre mulleres e homes. 

A iniciativa incardínase nos traballos que o Consello Galego das Mulleres está a desenvolver a través da denominada Mesa de Coidados, co obxectivo de obter coñecemento científico e especializado en materia de conciliación e corresponsabilidade. 

Promoción do Emprego e Igualdade destina, deste xeito, 60.000 euros de orzamento para financiar tres convenios coas entidades académicas, no marco das actuacións que promove para desenvolver o Plan Corresponsables na comunidade galega. 

A Universidade de Santiago abordará a temática da corresponsabilidade desde o punto de vista da saúde mental das persoas coidadoras. No caso da Universidade de Vigo, a investigación versará sobre o ámbito normativo no eido dos coidados e na implantación de actuacións favorables por empresas e institucións. A Universidade da Coruña encargarase de analizar o aspecto sociolóxico desta realidade. 

Grazas aos tres convenios, desenvolveranse na comunidade -nos próximos meses- congresos especializados e sesións de traballo, recompilarase información de diferentes fontes, realizaranse análises estatísticas e poderanse desenvolver proxectos de investigación no eido académico.