"Cota Cero" para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego lanzará en 2024 de forma  pioneira e “novidosa” a ‘Cota cero’ para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos.
Rueda anuncia unha "Cota Cero" para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024.
photo_camera Rueda anuncia unha "Cota Cero" para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego lanzará en 2024 de forma  pioneira e “novidosa” a ‘Cota cero’ para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos. Deste xeito, subvencionarse o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano.

“Galicia é unha terra de emprendemento e ten unha rede sólida que hai que manter e apoiar desde a Xunta”, defendeu Rueda sobre a necesidade desta medida de “estímulo e apoio” que se recollerá nos Orzamentos de 2024. Deuna a coñecer tras a súa participación na Mesa do Autónomo, celebrada no espazo coworking Dálle que dálle en Vilagarcía de Arousa, onde estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

O Goberno galego investirá nesta medida 9,6 millóns de euros, coa que se prevé chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma. Precisamente, o mandatario galego destacou o feito de que a esta partida se engade a outras de apoio recollidas nos Orzamentos de 2024. Así, tamén adiantou que “se duplicarán” ata acadar a 20 millóns de euros as axudas a este sector para cubrir os gastos da primeira actividade. En total, sumando outras iniciativas de apoio, mantemento e fomento, precisou que se destinará o ano que vén a “cantidade importante” de 45 millóns de euros ao emprego autónomo.

Segundo especificou, sumando a ‘Cota cero’ e estas axudas, cada nova persoa autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8.600 euros en achegas.. O mandatario galego puxo en valor esta aportación, xa que considerou que se trata dunha contía significativa para pór en marcha primeiros proxectos e ideas, á vez que para garantir o revelo xeracional neste sector, xa que advertiu que este eido é dun dos “grandes retos” que ten por diante o tecido autónomo en Galicia. 

Importancia dos autónomos na economía galega

O mandatario galego incidiu no valor destas medidas coas que o Goberno autonómico contribúe a seguir convertendo a Galicia nunha terra cada vez máis atractiva para emprender. Neste senso, salientou a importancia para a economía galega do papel dos autónomos, xa que Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de autónomos de toda España, 20 %, fronte ao 16 % da media, o que ten un efecto positivo na economía da comunidade. 

Por este motivo, avalou que desde a Xunta se continúen definindo apoios, e que estes se materialicen facéndoo en diálogo co sector. De feito, apuntou que das reunións coa Mesa do Autónomo, como a celebrada hoxe, saen sempre propostas que o Goberno galego ten en conta. “O noso compromiso é escoitarvos para seguir intentando acertar”, concluíu.