O Parlamento galego pide por unanimidade a transferencia da AP-9

A Institución galega remitirá a proposición de lei do Grupo Popular ao Congreso
José Manuel Balseiro é portavoz
popular de Infraestruturas no Parlamento galego
photo_camera José Manuel Balseiro é portavoz popular de Infraestruturas no Parlamento galego

O Pleno do Parlamento de Galicia ven de aprobar, por unanimidade, a proposición de lei do Grupo Popular, para remitir ao Congreso, de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 a Galicia.

Neste sentido, o portavoz de infraestruturas do PP de Galicia, José Manuel Balseiro, dixo que “O que queremos os galegos é unha AP-9 plenamente galega, que permita unha xestión máis directa e máis pegada ao territorio, e libre de cargas”.

Así, durante a súa intervención, Balseiro manifestou que “unha vez conformadas as Cortes Xerais logo das últimas eleccións nacionais, a nosa primeira reivindicación é a transferencia da AP-9 a Galicia”.

Entre outros asuntos, apuntou “Xestionar a AP-9 desde Galicia permitiría tomar o exemplo do feito pola Xunta que, con gran sensibilidade e acerto, decidiu conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas, absorbendo a suba do IPC e da aplicación dos distintos descontos”.

Máis melloras

José Manuel Balseiro subliñou que “a segunda das melloras que presenta a proposición de lei do Grupo Popular ten que ver con cuestións de financiamento, porque non imos permitir que a AP-9 supoña unha carga económica para os galegos”.