A Xunta de Galicia pon máis de 45.000 metros cadrados de solo residencial urbanizado a disposición dos promotores e cooperativas interesados en promover vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Os interesado poden acceder ao prego de bases e relación de parcelas ofertas a través da páxina web de Xestur ou nas oficinas da empresa pública.
A adxudicación das parcelas poderá realizarse en réxime de
compravenda ou, por primeira vez, en dereito de superficie. Esta segunda forma
de adxudicación, que supón o pago dun canon anual reducido polo uso do solo,
supón unha novidade nos concursos de venda de solo residencial propiedade da
Xunta de Galicia, xa que ata o de agora unicamente se ofrecía solo en réxime de
compravenda.
As parcelas que se adxudiquen en dereito de superficie destinaranse obrigatoriamente á construción de vivendas protexidas para alugueiro, en réxime especial ou réxime xeral. O dereito de superficie terá unha duración de 30 anos.
Preferencia as ofertas destinadas vivendas en alugueiro
Para a adxudicación das parcelas terán preferencia as
ofertas que vaian destinadas á construción de vivendas en alugueiro. No caso de
empate entre dúas ou máis ofertas, valorarase a proposta arquitectónica, as
solucións bioclimáticas e de sostibilidade, eficacia enerxética e outras
melloras ofertadas.
Os adxudicatarios das parcelas, terán a obrigación de solicitar a licenza de edificación no prazo máximo de catro meses dende a formalización da escritura e as vivendas deberán construírse e cualificarse como protexidas no prazo máximo de 30 meses dende a concesión da licenza de edificación.
No conxunto das cidades, ofrécense en total 24 parcelas que
permitirán a construción de case 1.500 vivendas protexidas para as familias
galegas.
Concretamente, no parque Ofimático da Coruña ofrécense 10 parcelas, con edificabilidade para un total de 518 vivendas protexidas; en Ferrol a oferta comprende 8 parcelas emprazadas no Bertón, cunha edificabilidade de 414 vivendas protexidas; e en Lugo son dúas parcelas as dispoñibles en Garabolos, con edificabilidade para 370 vivendas. Finalmente, en Pontevedra existen catro parcelas en Valdecorvos, con edificabilidade para 137 vivendas protexidas.