A feira do motor Auto Arteixo reunirá a centos de automóviles de ocasión de todas as marcas
Auto Arteixo recupera en 2022 seu formato habitual no Campo da Festa de Arteixo tras dous anos de pandemia. Do venres 6 ao domingo 8 de maio, o público poderá atopar centos de vehículos de ocasión, de todas as marcas e modelos. Tamén, ofertas adaptadas ao orzamento dispoñible para cada cliente. Dende coches de alta gama ata utilitarios máis modestos, todos eles avalados pola profesionalidade e a experiencia dos seis talleres e concesionarios participantes. Eles son Arte Móvil, D&D Automóviles, Listauto, Senra Sport, Talleres Mosquera e Tengo tu Coche.
O concello de Arteixo organiza, en colaboración co Centro Comercial Aberto, unha nova feira do motor. Xunto á exposición de automóbiles, no recinto estarán representadas, ademáis, as oficinas locais de Seguros Bilbao e RACC cunha ampla oferta de servizos. De maneira complementaria, o evento contará por vez primeira con atraccións para nenos e nenas, unha iniciativa pensada para facilitar a visita das familias.
Sector clave
O concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez, convida aos condutores e condutoras de toda a área metropolitana a achegarse ata Arteixo durante a próxima fin de semana. “Quen estea buscando coche, vai atopar unha oferta amplísima. Tamén, vaise beneficiar non só duns prezos moi competitivos, senón da garantía e a boa calidade do servizo que ofrecen os concesionarios do noso concello”, indicou. O evento ofrece un escaparate inmellorable para o comercio do motor, un sector clave para a economía local en torno ao que se crean decenas de postos de traballo.