Arteixo conta co ecosistema preciso para acoller con garantías a Axencia Estatal dí o Bng
O Bng leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra este xoves 28 de abril, unha moción relativa á solicitude de instalación no concello da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.
O pasado 22 de marzo o Ministerio de Política Territorial publicou no BOE o Real Decreto 209/2022 polo que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas das entidades pertencentes ao sector público institucional estatal. Este Real Decreto facilita e fomenta a descentralización na asignación destas sedes e crea unha oportunidade para Galiza neste eido. Neste marco crearase a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
Os nacionalistas consideran que Arteixo xunta as características axeitadas para albergar esta axencia xa que na súa propia área metropolitana dispón dunha Facultade de Informática que, probablemente, terá o grao e mestrado de IA. Ademais, o municipio conta cun tecido empresarial potente e innovador. Por outra banda, impulsaría o reto demográfico galego, as políticas de creación de emprego e o papel do sector tecnolóxico como vertebrador do territorio.
Por iso, propón instar á Xunta de Galicia para que solicite a instalación da “Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial” no territorio galego e ofrecer o Concello de Arteixo como sede para a citada Axencia.
Apoio ao pobo saharaui
Por outra parte, máis aló da política local, trala decisión do goberno español de asumir a postura de Marrocos de non respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, o Bng mostra o total rexeitamento á mesma. Propón ao Pleno mostrar o seu firme apoio ao pobo saharaui no exercicio do seu dereito de autodeterminación e independencia. Tamén, esixir do Goberno español a rectificación da decisión de asunción da posición e discurso da ditadura marroquí sobre o Sáhara Occidental e que esixa a Marrocos o cese inmediato da violación dos dereitos humanos da poboación.
Rogos e preguntas de Bng
- Preguntarán se o Goberno sabe cantas persoas refuxiadas ucraínas chegaron ao municipio e se ten prevista algunha axuda para elas.
- Demandarán, de novo, a documentación sobre a restauración e situación da canteira de Vilarrodís. Pedida xa en marzo, cando o concelleiro de Urbanismo asegurou que ía mandala.
- Rogarán que, á maior brevidade posible, o Concello subsane o mal estado do mobiliario do paseo fluvial, para ofrecer unha maior seguridade á veciñanza.
- Tamén, a eliminación da cita previa no Concello de Arteixo para trámites administrativos, en tanto os prazos actuais limitan as xestións dos usuarios.