Nova calculadora científica que inclúe a lingua galega

Presentado o novo modelo da calculadora ClassWiz, de CASIO, que por primeira vez, inclúe a lingua galega entre as súas opcións de configuración.
nova calculadora científica que inclúe lingua galega
photo_camera Foto calculadora científica.

Presentación do novo modelo da calculadora ClassWiz, de CASIO, que por primeira vez, inclúe a lingua galega entre as súas opcións de configuración.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do novo modelo da calculadora ClassWiz, de CASIO, que por primeira vez, e coincidindo co décimo aniversario do seu lanzamento, inclúe a lingua galega entre as súas opcións de configuración. Deste xeito, esta ferramenta científica xa pode usarse en cinco linguas diferentes: galego, catalán, eúscaro, castelán e portugués.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou “a importancia que supón a incorporación da lingua galega ás tecnoloxías, especialmente nun caso como este, que implica a oferta do galego á comunidade científica e ao amplo abano de usuarios que poden usar esta ferramenta no seu día a día”.

No acto, que tivo lugar na Facultade de Matemáticas da USC co gallo da clausura do Mes das Matemáticas, tamén participaron a decana da facultade, Elena Vázquez Cendón; o director xeral de Casio en España, François Vilaprinyó; o presidente da Asociación Galega de Profesores de Matemáticas (AGAPEMA), Julio R. Taboada; Cristina Naya, doutora en Matemáticas pola Universidade de Santiago (USC); Ana Freire, doutora e enxeñeira en Informática, e Eloy Bernal, responsable de comunicación da División Educativa de Casio España.

Formación ao profesorado

Este novo modelo, desenvolto desde a División Educativa CASIO, está deseñado por e para docentes, atende ás melloras solicitadas polos usuarios e ofrece unha calculadora científica máis intuitiva e sostible, con novas funcións de azar e emulador online, entre
outras novidades.

Para a súa correcta utilización entre o profesorado de materias como Matemáticas ou Física ou Química, a Xunta e CASIO prepararan, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación, o lanzamento dunha oferta de talleres de aprendizaxe que lles permita aos docentes manexar con soltura esta ferramenta indispensable para o traballo diario nas aulas.

Unha galega entre as #científicasCASIO

A rolda de prensa tamén foi escenario para anunciar a incorporación da imaxe da galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platforms), á colección de calculadoras #científicasCASIO, da que forman parte grandes nomes da historia como Ada Lovelace ou Marie Curie. Deste xeito, o novo modelo de ClassWizz xa está dispoñible tamén coa ilustración da enxeñeira lucense, obra da artista galega Lula Goce.

Esta colección, realizada en colaboración con 13 ilustradoras que decoraron as calculadoras ClassWiz coa imaxe de distintas científicas, pretende ser unha homenaxe ao significativo traballo da muller neste campo.