Galicia é a segunda comunidade que máis emprega a administración electrónica

251150_373434022737346_1532176790_aOs datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das TIC nos fogares en 2013 sitúan a Galicia no segundo posto do ranking de Comunidades Autónomas no emprego dos servizos da e Administración durante os últimos doce meses.

A Comunidade sube un posto respecto a 2012 na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet para obter información e descargar formularios, sendo só superada pola Comunidade de Madrid.

Segundo os datos do INE, un 61,5% dos internautas galegos obtivo información de páxinas web da Administración (5,5 puntos máis que a media estatal), un 43,1% descargou formularios oficiais (3,5 puntos máis que a media estatal) e un 33,6% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (1,7 puntos máis que a media estatal).

Sede Electrónica

Desde a Xunta de Galicia estase a impulsar o uso da Administración electrónica a través das medidas do Plan de Modernización da Administración autonómica. Un dos fitos do Plan foi a posta en marcha en 2011 da sede electrónica, a ferramenta para a xestión telemática de cidadáns e empresas.

Nos primeiros nove meses do ano presentáronse máis de 11.000 procedementos online a través de https://sede.xunta.es. A sede ten dispoñibles preto de seiscentos procedementos e no que vai de ano recibiu máis de 200.000 visitas, case o dobre das realizadas en todo o 2012. O pasado mes de setembro o número de presentacións electrónicas creceu significativamente respecto ao mesmo período do ano anterior, pasando de 143 a 3.074.

Simplificación da tramitación

Para aumentar o emprego da sede entre cidadáns e empresas a Xunta simplificará a xestión telemática facilitando o uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica. É unha das medidas recollidas no protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado recentemente no Consello do Goberno galego. Coa posta en marcha desta medida, que se prevé que estea operativa en 2014, a Xunta habilita un novo mecanismo de acceso a Administración electrónica para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos.

Para ser usuario deste sistema só será necesario darse de alta no servizo, verificando a súa identidade nas oficinas de rexistro habilitadas ou ben a través da sede electrónica.

Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF para acceder á sede electrónica. Este mecanismo será transversal a toda a Administración xeral e o sector público de Galicia permitindo aos cidadáns dispoñer dun único usuario e contrasinal con independencia da consellería ou entidade coa que se relacione.

Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automáticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite. Este sistema aplicarase a determinados procedementos.

- See more at: http://www.eldiariodealaracha.es/galicia-e-segunda-comunidade-que-mais-emprega-administracion-electronica/#sthash.UjZSLtJ4.dpuf