O Centro Comercial Aberto presentó as propostas ao goberno municipal o pasado 29 de xuño na Mesa Local de Comercio
"Como levamos facendo dende o comezo da pandemia, dende o Arteixo CCA presentamos unha serie de propostas para levar a cabo dende o Concello de Arteixo para a mellora da actividade económica local da vila", explica Emiliano Cossini, xerente da entidade. Tamén explica que ademáis "estamos mantendo reunións cos partidos da oposición e presentaremos estas ideas a calquera outro partido ou entidade que se queira reunir con nós". As propostas inclúen:
Mellora da actividade económica, competitividade e fomento do negocio
- Programa de benvida para novos establecementos.
- Censo e xestión de locais baleiros en Arteixo.
- Bonos de incentivo ao consumo.
- Actividades de nadal: mercado, pista de xeo e mellora da iluminación.
- Creación dunha estratexia de promoción do turismo para Arteixo.
- Aumento dos programas formativos para hostalaría.
- Mellora da convivencia.
Transformación do Espazo Urbano
- Mellora da sinalización urbana.
- Avance na peonalización, levando a cabo peches ao tráfico provisionais.
- Uso de terreos baldíos para establecer prazas de aparcamento libre.
- Establecer zonas de aparcamento curto nas principais avenidas de Arteixo.
"Na reunión, o Concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez como representante do Concello, trasladounos que algunhas das medidas estudiaríanse", engade Cossini. Elas inclúen: programa de benvida, censo de locais baleiros e tamén o establecemento de zonas de aparcamento curto.
Outras medidas en marcha
Así mesmo, estase estudando a realización dun mercado de nadal e hai un compromiso de triplicar o orzamento para iluminación de nadal. Tamén a necesidade de mellorar a promoción turística e a procura de terreos baldíos para establecer as zonas de aparcamento "xa que é un programa aprobado hai varios meses, que se sumarán ás prazas que se xerarán coa urbanización da rúa Río Tambre e o Camiño dos Cabalos.
Por último, hai varias medidas que non se comparten ou non se ve posible levalas a cabo. Descártase levar a cabo os bonos locais de incentivo ao consumo "porque entenden que non son equitativos entre comercios. Esta idea presentámola por primeira vez en 2020 e o pasado setembro trasladáronos que se levaría a cabo en 2022. Os bonos implantáronse dende moitos Concellos e tamén dende Xunta de Galicia, cun sobrado e recoñecido éxito", explica o xerente do Arteixo CCA.
Inscrición gratuita na Feira do Comercio
Na Mesa Local de Comercio tamén aprobaron a celebración da Feira do Comercio os días 9, 10 e 11 de setembro, como se acordara na pasada asemblea de febreiro. O prazo de inscrición comezará o día 15 de xullo e rematará o 31 de xullo do mesmo mes, a través dun formulario web, da mesma forma que o pasado ano. O Concello enviará unha carta a todos os comercios da vila coa información. Nesta edición contan coa colaboración da Deputación da Coruña, polo que haberá dous tamaños de jaimas: 5x5 e 3x3m. A inscrición segue a ser gratuíta.