Coincidindo co Día Internacional do Dano Cerebral Adquirido, o concello de Arteixo e FEGADACE organizan unha charla
A charla informativa do Ciclo Saúde das mulleres está dirixida ao público que interese a prevención e recuperación do dano cerebral o ictus. Ademáis, se centrará no modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas da especialidade. A convocatoria é para mañá, 26 de outubro, no Auditorio do Centro Arteixo Innovación, ás 17:30 horas. É preciso apuntarse coa folla de inscrición previa no CIM (Avda. do Balneario, 10- baixo- 981601415) ou no enderezo [email protected].
Sobre a charla, a concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, Inés Ramos, pon en valor a importancia do traballo e esforzo das entidades que traballan no día a día para atender as necesidades das persoas afectadas e as súas familias. Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
Sobre FEGADACE
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia:
- ADACECO na Coruña
- ADACE en Lugo
- Alento en Vigo
- Renacer en Ourense
- Sarela en Santiago
Xuntas representan a case 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo. O dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.